www.mardelaxe.com
Ven a descubrir o mundo do mar con Mar de Laxe.

Este contido require Adobe Flash Player. Obter Flash

Que ver :: 1. Laxe

Facendo unha pequena selección do patrimonio de Laxe, destacamos:

Santa María da Atalaia

Igrexa de Santa María da Atalaia: Está situada nunha atalaia, de aí o seu nome. Dátase de finais do S.XV, aínda que se comezou a construír no século XIII e fóronselle engadindo elementos con posterioridade, ata que se concluíu no século XVII.

De formas sinxelas e rústicas, é de estilo gótico mariñeiro, un estilo que mestura elementos arquitectónicos do románico, como os contrafortes, con outros de estilo gótico que se ven no interior, como os arcos oxivais e a bóveda de cruzaría. A torre do campanario está descolocada por motivos de acústica, xa que se estivera nos pes da igrexa, o vento levaría o son das campás para o monte en vez de para a vila. A torre ten o oco para seis campás das que hoxe só se conservan dúas, pois as outras fundíronse para facer canóns durante a guerra de independencia dos franceses.

Tamén a igrexa tiña varios canóns no seu adro para defender a vila dos ataques, xa que tanto a igrexa coma o atrio, funcionaban como atalaia de vixilancia e defensa dos barcos sospeitosos ou piratas. Tamén se usaba de vixilancia para cando manadas de baleas se achegaban ás costas, dábase o aviso para que as armadas saíran a pescalas.

No interior da igrexa destaca a imaxe da Virxe da Atalaia e o altar de pedra, antigamente policromado, con cinco escenas da Resurrección de Cristo. No seu interior encóntranse tamén os sepulcros dos primeiros Moscoso de Altamira, os grandes señores feudais da zona, e nun lateral do adro están enterrados a muller e o fillo do capitán do Adelaide, barco inglés que en 1830 foi a pique fronte a Laxe.

Ermida de Santa Rosa

No ano 1676, un navegante de apelido Couceiro levantou no alto de Cornaceiras, unha cruz en honor a Santa Rosa para cumprir unha promesa que lle fixera á Santa. Debaixo desta cruz, denominada “Cruz do Navegante” depositou unhas reliquias da Santa peruana que el mesmo trouxo de Perú. Séculos máis tarde, no ano 1941, Manuel Ramos Mesía levantou a ermida de Santa Rosa, de pouco valor arquitectónico pero dun gran valor espiritual, xa que numerosos romeiros se acercan a ela, sobre todo o 30 de agosto, día no que se celebra a súa festividade.

Casa do Arco

Na praza de Ramón Juega atopamos o edificio civil máis importante de Laxe e incluso de gran importancia para Galicia polo seu estilo gótico. Esta casa foi mandada construír no século XV por Dona Urraca de Moscoso, Condesa de Altamira e o seu segundo marido Don Pedro de Osorio. No século XIX os Condes de Altamira sufriron unha grave crise que lles obrigou a vender esta casa de cantería granítica. Antigamente o conxunto dispoñía de seis portas de acceso, aínda que a fachada principal da casa sempre foi a oeste, onde se abre unha porta de entrada franqueada por dúas grandes chemineas. O máis destacado da casa é a fachada sur, xa que nela se abre un arco oxival que da acceso á Rúa Real.

Destacan tamén dous escudos debaixo do Arco: un deles está no lintel da porta e conta cunha inscrición gótico-alemana, un cáliz e unha hostia. No segundo escudo aparecen os símbolos dos Moscosos (a cabeza do lobo) e dos Castro (seis rodas)


Volver